
Deste monumento megalítico pódese ver hoxe o seu túmulo de Terra e parte das lousas do dolmen que afloran pola superficie na parte máis alta. As dimensións da mámoa fan pensar que nos atopamos diante dun dos megálitos de maior tamaño da Costa da Morte. O feito de que o dolmen aínda se manteña cuberto parece indicar unha boa conservación de toda a estrutura. De feito na parte superior do túmulo pódese intuír a planta da cámara á que lle faltaría a tampa de cubrición e o corredor orientado cara ao sueste, que conserva polo menos unha das súas tampas rachada en dous anacos.
Un elemento interesante é o muro de pedra divisor de propiedades que pasa xusto por encima da arquiña. Esta circunstancia repítese noutros monumentos da ruta como Pedra Cuberta ou Arca do Rabós. Estanos a falar de que as mámoas e dolmens seguiron a ser utilizados con fins diferentes aos funerarios moito tempo despois da desaparición das sociedades que os construíron. As antas non só constituíron fonte de lendas e mitos para a sociedade rural tradicional galega, senón que tamén foron usadas para para trazar lindes de parroquias, propiedades, coutos... Durante a Idade Media existen en Galicia unha grande cantidade de documentos como contratos agrarios, vendas de terras... que fan referencia aos monumentos megalíticos como marcos territoriais. Cando se fixaban os lindes sempre se acudía a elementos fixos na paisaxe como ríos, camiños, montes... pero tamén xacementos arqueolóxicos como mámoas, dolmens, castros e incluso petróglifos.