
Tamén recibe o nome de Casota de Berdoias ou Casota dos Mouros. A singularidade deste monumento megalítico ven da súa estrutura pétrea que non se corresponde co clásico dolmen de cámara e corredor, senón que é unha construción de 4 lousas traballadas para encaixar perfectamente unhas con outras e colocalas a modo de caseta. De feito foi usada tradicionalmente como refuxio de pastores.
As características da anta lembran ás cistas megalíticas máis tardías e poderían levar a datación ata os inicios da Idade do Bronce, no segundo milenio a. C. Estes monumentos parece que funcionarían xa como enterramentos individuais e normalmente carecían da monumentalidade dos grandes dolmens de corredor.
No interior da casota, nas laxes verticais aprécianse de forma bastante nítida varios gravados a base de cruces e cazoletas. O significado destes gravados non está claro, pero algún autor ten relacionado as cazoletas coa representación dalgunhas constelacións de estrelas. Esta hipótese é bastante discutida a día de hoxe, pero si que é segura o vínculo dos dolmens con algúns fenómenos astronómicos. Quizais o máis evidente sexa a orientación dos corredores e os accesos da grande maioría dos monumentos da Europa occidental cara ao sueste en relación ao orto e o ascenso do sol.
A Casota de Freáns atópase na ladeira leste do monte Pedrouzo. No lado contrario deste outeiro, a uns 500 metros do dolmen, localizáronse no ano 2004 varios conxuntos de petróglifos con cazoletas, círculos concéntricos e outros motivos que que quizais tivesen relación coa anta.