
A Arca do Rabós é un monumento megalítico de grandes dimensións no que se conserva parte do túmulo de terra de aproximadamente 20m de diámetro e 1,5m de altura. O túmulo está parcialmente destruído na zona norte, xusto no límite coa parcela veciña e isto permitiu comprobar a existencia dunha coiraza de pedras que orixinalmente cubría a mámoa.
No centro do túmulo obsérvase unha violación que deixa ao descuberto os restos dunha anta con cámara poligonal e corredor orientado ao sueste. O dolmen aparece bastante alterado pero conserva polo menos 3 laxes do corredor, 2 da cámara e a tampa de cubrición da cámara parcialmente rota. Na rotura da tampa aprécianse marcas de cuñas, que nos falan da existencia de antigos traballos de cantaría para a extracción de pedra.
Algúns autores tamén falan da posibilidade de existencia de gravados nunha das laxes do corredor, aínda que resulta complicado confirmar esta afirmación.
Quizais o máis salientable sexa o feito de que este monumento megalítico forma parte dunha das necrópoles de maior tamaño da Costa da Morte como é a do Chan do Rabós e Chan do Cabral. No concello de Vimianzo coñécense tamén outras necrópoles importantes como a do Mosquetín, Encoro da Fervenza, Caxadas ou Carantoña.