
A Arca da Piosa é dos monumentos megalíticos de maior tamaño de toda Galicia e un dos mais coñecidos. Foi descrito por Manuel Murguía na súa «Historia de Galicia en 1903» e por Saralegui e Medina na obra «Megalitos de España» en 1925. Porén, a referencia máis coñecida é nun poema que aparece na obra de Eduardo Pondal «Queixumes dos Pinos» (1886). Pondal procuraba glorificar o pasado de Galicia e tomou como referencia o mundo céltico. Na obra converte algúns nomes de lugares e parroquias da Costa da Morte en heroes míticos e deste xeito a Arca da Piosa aparece como a tumba na que descansaba o guerreiro Brandomil.
Arca antiga da Pïosa,
O vento q' he triste oir,
Funga nas esquivas uces,
Q' están o redor de tí;
E pasa antr' elas bruando,
Con un dorido gemir:
Debaixo das tuas antes,
'Stá o valente Brandomil;
O megálito conserva bastante ben o seu dolmen e tamén o volume da mámoa que estaría cuberta por unha coiraza de pedra. No interior da cámara e corredor consérvanse tamén vestixios de pintura prehistórica negra e vermella en 3 das súas laxes e unha cruz, probablemente moderna, gravada na tampa de cubrición.