
Cando Georg e Vera Leisner chegaron a este dolmen en 1933, xa fora dinamitado dez anos antes. De feito aínda se pode observar hoxe en día unha perforación nunha das pedras que están a falar destes antigos traballos de cantaría. Con todo, aínda conserva bastante da súa estrutura orixinal, como boa parte da mámoa e das pedras da cámara e corredor.
Esta anta foi a única escavada polos Leisner en Galicia. A escavación, segundo eles, non deu ningún material arqueolóxico, pero permitiu a descuberta dun extraordinario conxunto de pinturas. A excepcionalidade da descuberta non era só por ser unhas das primeiras en ser coñecidas a nivel europeo senón que ademais cubrían practicamente todo o interior da sepultura (cámara e corredor). Tódolos deseños son xeométricos, principalmente liñas onduladas en vertical e horizontal e tamén algúns círculos concéntricos e triángulos.
Os motivos están pintados sobre unha primeira capa branca feita a base de caolín que cobre o interior das laxes regularizando a súa superficie. Sobre esta capa pintáronse despois os diferentes deseños en pintura vermella e negra. Os pigmentos obtíñanse de arxilas ricas en óxidos de ferro e carbóns vexetais respectivamente e despois mesturábanse con auga e un aglutinante que facilitaba a adhesión da pintura ás paredes. Segundo os Leisner, as análises microquímicas revelaron que en Pedra Cuberta usouse clara de ovo como aglutinante.
Hoxe en día, as pinturas apenas son visibles por estar cubertas de musgo e sedimentos pero aínda presentan un relativo bo estado de conservación.