Déjà inscrit ? Connectez-vous
MONFERO - A CAPELA

MONFERO - A CAPELA

A segunda etapa do "Camiño de Santo André" discorre entre as capitais municipais de Monfero e As Neves da Capela. Nesta etapa visitamos dous Mosteiros: o de Monfero e o de Caaveiro, este último situado no corazón das Fragas do río Eume.

O Mosteiro de Santa María de Monfero é un cenobio cisterciense, que posúe tres claustros. Foi fundado polo rei Alfonso VII a principios do século XII aínda que foi renovado completamente no XVII, polo que predomina o estilo barroco conservando a primitiva igrexa románica con planta de cruz latina. Presenta unha orixinal fachada con decoración de taboleiro de xadrez mediante perpiaños de granito e lousa, enmarcados por catro pilastras e columnas de orde corintia.

Fronte ao mosteiro atópase a antiga casa do convento que alberga o portal do parque natural “Fragas do Eume”, un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa. Estes exuberantes bosques que seguen o curso do río Eume son o hábitat de carballos, chopos, freixos, ameneiros, máis de vinte especies de fieitos e duascentas de liques. Este bosque sombrío e segredo é xeneroso como as súas augas, fontes e fervenzas.

Unha vez deixado atrás o Mosteiro, continuamos o noso ascenso en dirección cara ás “Fragas do Eume” onde chegamos despois dun espectacular e técnico descenso en zigzag ata o río Eume. Continuando ao longo do río atopámonos, agochado no corazón do bosque, o mosteiro de San Xoán de Caaveiro, un antigo cenobio con máis de 10 séculos de historia e unhas vistas espectaculares desta fraga máxica. De estilo románico, século XII, a súa estrutura arquitectónica está condicionada polo seu privilexiado emprazamento, en forte pendente, que propiciou o desenvolvemento en altura dos edificios que compoñen o recinto salvando os desniveis do terreo por medio de altos muros de contención.

Continuando o noso camiño, visitamos o vello muíño e cruzamos a antiquísima ponte de pedra que salva o río Sesín, antes de enfrontármonos a unha empinada subida que  leva ata a capital do municipio da Capela, As Neves, punto final deste tramo, non sen antes visitar o museo etnográfico, magnífico escaparate de costumes e formas de vida desenvolvidas nesta zona rural.

Infos techniques

Lat : 43.3339046Lng : -8.0562221
0 m
3 ans

Les Storyguides à proximité

Soyez le premier à commenter !

En poursuivant votre visite, vous acceptez l'utilisation de cookies permettant d'améliorer votre navigation. Pour en savoir plus, cliquez ici. Vous avez également la possibilité de refuser la publicité personnalisée.