
O concello de Carral é coñecido pola fama do seu pan, tipo molete, que se caracteriza por ter unha miga esponxosa e unha codia crocante. Na súa elaboración se utiliza unha boa proporción de trigo do país, que se colleita en Galicia e moído en muíños de pedras finas, chamados albeiros. Outra característica é o seu lento levedar usando fermento de masas de anteriores fornadas. É un pan que se conserva fresco varios días.
Son varias as circunstancias que se xuntan e lle dan fama a este pan. En primeiro lugar a produción abundante de cereal, especialmente no val de Barcia. En segundo lugar a abundancia de muíños de auga. Igualmente a proximidade á cidade da Coruña, unha cidade deficitaria de trigo e cunha poboación que demandaba pan branco. Hoxe en día é nesta cidade onde se vende maioritariamente este pan, pero tamén se vende en toda Galicia e fóra dela, e os panadeiros seguen, como antes, vendendo en feiras e romarías.
En Carral hai máis de vinte panaderías, algunhas dun tamaño que supera o estándar das pequenas panaderías artesás e familiares. Para reforzar o sentido de identidade local deste produto, pero tamén para potencialo, organízase cada ano unha festa dedicada ao pan e outra a empanada, outro produto gastronómico que dá fama a esta localidade.