A cidade da Coruña sería a Brigantium dos romanos, un importante enclave estratéxico na ruta marítima cara ao norte de Europa, algo así como un porto de recalada, de aí o seu faro. Igualmente, sen ser unha capital administrativa, sería un lugar de prestación de servizos e un centro comercial importante desde o que abastecer un amplo territorio. De aí a estratéxica situación desta ponte ao fondo da ría por onde pasaría a vía XX que, desde Caldas de Reis (no camiño portugués), se dirixía a Lucus Augusti (Lugo), pasando por Brandomil, Carballo e polo Burgo, desde onde se diría cara ao interior de Galicia.
A ponte do Burgo ten unha orixe romana, pero con numerosas reformas desde a Idade Media por motivo do seu estado e debido tanto a causas naturais como á acción humana. Así, foi destruído polas tropas inglesas, comandadas por sir John Moore, cando en 1809 se dirixían cara ao porto da Coruña perseguidas polo exército francés. Todas estas actuacións posteriores borraron a posible pegada romana.