
Este lugar ofrece varios motivos para facer unha parada. Un deles é o seu magnífico hórreo de granito do século XVIII. Cos seus case 27 metros de lonxitude, é un dos máis grandes de Galicia. Aséntase sobre 22 pés. Tan só é superado en lonxitude polos de Rianxo, Lira e Carnota. Isto é posible debido a que o lugar, onde tamén se sitúa un antigo mosteiro benedictino do século XII, se rehabilitou grazas ao empuxe dunha cooperativa (Aurora de los Caminos) que conseguiu no 2012 a cesión temporal das instalacións. Este grupo, formado por antigos peregrinos que se coñeceron no 2005 en Foncebadón, mentres realizaban o Camiño Francés, recuperou o antigo mosteiro, cunha intervención mínima, e a reitoral, para aloxarse neles e ofrecer a calquera que se achegue o goce de diversas actividades e a posibilidade de relaxarse tomando unha infusión a cambio da vontade.
Se ao longo do ano son os veciños do lugar quen gozan xunto aos inquilinos do inmoble, co seu encanto de vellas paredes salvadas no último momento, durante o verán son varios os peregrinos que dormen no hórreo contiguo ou no propio mosteiro, onde se destina para eles unha sala con varias camas (tamén a cambio da vontade). Os camiñantes gozarán do edificio, co seu horto ecolóxico, e as distintas estancias do cenobio, onde se pode saborear un bo té en agradable compañía.
O terceiro monumento do lugar, despois do hórreo e o mosteiro é sen dúbida a igrexa románica de San Martiño de Ozón. Orixinaria do século XII, do primitivo templo consérvanse a súa planta románica e dúas ábsidas de forma circular. Ao central accédese por un arco de medio punto, apoiado en dúas columnas rematadas en capiteis. Diversas reformas que tiveron lugar ao longo dos séculos déronlle o seu aspecto actual. No conxunto destaca o seu campanario de estilo barroco. Entre a igrexa e a casa reitoral consérvase un arco oxival do antigo mosteiro. No templo están enterrados varios membros da poderosa familia Lema.