
A frondosa e sombría carballeira de San Lourenzo é un punto de ampla transcendencia monumental, contando ademais con varios exemplares de carballos centenarios, representativos de Galicia. Á parte, trátase dun lugar histórico de reunión e de celebración de festas e romarías e eixo dunha das coñecidas obras da poetisa galega do século XIX Rosalía de Castro: Follas Novas, editado en 1880, unha obra de inestimable importancia para o galego en xeral e a súa literatura en particular, onde a autora razoa en profundidade sobre a vida enmarcada nun romanticismo moi persoal.
Xunto á carballeira consérvase o Pazo de San Lourenzo de Trasouto, un orixinario convento mandado construír no século XIII polo bispo de Zamora. Estivo ocupado por franciscanos e no século XIX pasou a ser propiedade dos condes de Altamira, que o empregaban como residencia. Como dato histórico lembrar que nel se aloxou durante a Semana Santa de 1520 o emperador Carlos V. Na actualidade, o pazo, cun belo xardín de buxo, explótase como establecemento de restauración e é un lugar habitual de vodas e cerimonias.
Desde este punto déixase atrás a zona máis urbana de Compostela, continuando o Camiño que agarda en compañía do río Sarela para chegar, despois de percorridos 88,139 Km ata Fisterra ou 86,337 Km se antes nos achegamos a Muxía.