
O Eusebio da Guarda, hoxe instituto, é o centro no que Picasso estudou ensinanza secundaria, con malas notas, e Belas Artes, con excelentes cualificacións. No primeiro andar deste edificio recibiu durante tres cursos clases de artistas coma seu pai, Román Navarro ou Isidoro Brocos. Ademais, aquí realizou as súas primeiras exposicións colectivas.
Aínda que meu pai non gaña moito diñeiro, tres mil pesetas ao ano, temos unha criada que axuda na casa, a cambio de cama e comida. Eu tamén a retratei. Que muller! Un día case arde a casa enteira, porque deixou acendido un braseiro... Non lle falta traballo: xa só ir por auga á fonte... Porque non temos auga corrente. E na fonte, que está na praza de Pontevedra, hai que esperar a vez ata tres horas, e logo cargar coa sella chea de auga... Que tarefa!
Debuxo todo o tempo. Eu creo que xa o fago igual que Rafael, o mestre do Renacemento... Pero levarame toda a vida aprender a debuxar coma un neno... De momento, sigo o consello de meu pai, e dos meus outros profesores na Escola de Belas Artes, como Román Navarro ou Isidoro Brocos. Todos os profesores da Escola son moi académicos, salvo Brocos, que estivo en París e vén cunhas ideas un tanto revolucionarias...
En Belas Artes saco moi boas notas, e ata saio no cadro de honra. Peor me ía no instituto, que tiña a Retórica e a Historia atravesadas. E de Francés... xa nin me examinei! Aínda que me dá a min que o vou acabar dominando... O que máis me gustaba do instituto é cando me mandaban ao cuarto de castigo: alí podía debuxar, debuxar e debuxar.
Autores do texto:
Elena Pardo e Rubén Ventureira