
O patio de armas é o corazón que artella todos os espazos do castelo. En Moeche, tradicionalmente fóronse interpretando os usos de cada recinto que vemos. Usos que se foron confirmando coas escavacións arqueolóxicas.
Entrando desde a torre de homenaxe á esquerda, situaríanse as estancias da xente de armas; á dereita, as da servidume; á nosa fronte, a cociña, no actual centro de interpretación; e finalmente, onde están os aseos, as antigas cabalarizas. Os espazos nobres e de representación irían ocupando salas da planta alta e da torre de homenaxe.
Pero ademais do castelo que vemos, o patio tamén dá mostras do que non vemos, da fortaleza anterior. Grazas á colocación de pedras de diferente cor, podemos ver no chan a pegada da antiga torre e da muralla da fortificación destruída na Guerra Irmandiña.
En 1467, estoupou no Reino de Galicia un furor popular contra a nobreza, cansos de soportar os seus abusos. A Santa Irmandade foise articulando para derrubar ducias de fortalezas como a de Moeche, e así se conta en documentos como o preito Tabera-Fonseca.
Nas escavacións arqueolóxicas tamén se examinou o pozo de 9 metros de profundidade, situado ao lado da porta do centro de interpretación. Nel apareceron moitos restos, como cerámica, vidros, ósos, madeira e mesmo un puñal medieval.