Gran edificio de estilo neoclásico construído por volta do 1800, na confluencia das rúas Terra e Magdalena. Orixinalmente foi de propiedade particular, pero a partir da década de 1850 está ocupada pola Intendencia de Mariña de Ferrol.
É un inmoble de planta cadrada e catro andares con dúas fachadas, sendo a principal a que ten acceso pola rúa Terra. Ambas as dúas son simétricas e están organizadas en cinco eixes verticais que unen os seus vanos, pero presentan diferencias entre elas en canto a disposición dos balcóns e miradoiros.
A construción conta con moitos dos elementos característicos dos edificios do século XVIII, como son os muros de cachotería revocada e o emprego de cantería de granito en fiestras e portas, principalmente nos rebordes dos vanos, nos tornachuvias, no zócolo da planta baixa e no canto de unión das dúas fachadas.
No primeiro andar sitúanse os balcóns voados, colocados sobre unha base de granito e na segunda planta aprécianse varios dos primeiros miradoiros (dous por fachada) realizados en Ferrol.
O tellado, de catro augas, conserva unha excepcional estrutura de cuberta realizada a base de cimbras de madeira armadas con ferro.