O dique da Cabana forma parte do antigo Arsenal Civil de Ferrol, creado en 1810, durante a Guerra da Independencia, por iniciativa do empresario Juan Antonio Cardemil. No seu momento constituíu a primeira iniciativa naval civil desenvolvida na Ría de Ferrol.
A infraestrutura levantouse para a construción, armamento e reparación de buques civís, pero tamén para realizar funcións portuarias, aproveitando a oportunidade que ofrecía a liberalización dos Correos Marítimos para o comercio coa América colonial en 1774 e a instalación dun Consulado Marítimo en Ferrol (1802-1827).
O arsenal pasou por diferentes propietarios e estivo en funcionamento ata 1923, construíndose nel diferentes tipos navíos como fragatas, corvetas, goletas, bergantíns e outras embarcacións de menor porte.
O elemento máis importante do complexo é o dique de carenar ou de mareas, realizado a semellanza dos existentes no Arsenal militar, cuxa función era deixar as embarcacións en seco para poder proceder ao seu carenado ou a reparacións puntuais. Elaborado con perpiaños de granito, ten 53 metros de lonxitude, 14 metros de ancho e 3 metros de calado medio.
Na actualidade, ademais do dique, consérvanse outros elementos que tamén formaban parte do Arsenal Civil como son os peiraos de atraque, a rampla-varadoiro e edificios empregados como almacéns e talleres.