Gran edificio de vivendas, de catro andares, localizado na confluencia da rúa Magdalena e San Diego datado en 1763, durante a primeira fase construtiva do barrio da Magdalena.
O tamaño do inmoble e a súa situación dentro da retícula urbana, en esquina, dispondo de dúas fachadas, é indicativo da súa pertenza en orixe a unha familia de posición social acomodada.
A fachada principal, de estilo clasicista, é a que mira cara á rúa Magdalena. Ten 10,5 metros de ancho, organízase en tres eixes verticais de vans e presenta as características típicas que definen á arquitectura residencial da época: simetría, muros de cachotería rebocada na maior parte do edificio; emprego de cantería de granito nos rebordes das portas, fiestras, balcóns, cornixa e esquina; presenza de balcón voado percorrendo toda a fronte do primeiro andar.
No centro da fachada, unindo o segundo e terceiro andar, hai un miradoiro, probablemente un dos máis antigos da cidade, que se apoia sobre unha base voada de granito. Este elemento arquitectónico será moi frecuente nas casas da burguesía ferrolá, especialmente a partir da segunda metade do século XIX.
Son tamén destacables as balaustradas de ferro forxado de estilo rococó que protexen e decoran o balcón da primeira planta e os laterais do segundo andar.