Desde este céntrico punto do núcleo urbano de Camariñas, xusto enfronte da Oficina de Información Turística, accedes á praza do Anxo e á rúa da Volanta onde atoparás as casas tradicionais que se conservan de arquitectura mariñeira. Son a casa con patín, unha evolución da casa do pincho e de remo.
A casa con patín é a vivenda mariñeira por excelencia. O patín é a escaleira exterior de pedra, que podía ir cuberta prolongando o tellado. Tiña un uso múltiple: de acceso á vivenda, para tomar o sol ou o fresco, como lugar de reunión nocturna, onde atar as redes para ser cosidas ou secalas, ou tamén para tender a roupa.
A casa do pincho recibe este nome por un gancho que se colocaba no muro piñón (parte superior triangular da fachada) para pendurar as redes e coselas. O seu elemento característico é que un dos muros piñóns é a fachada principal da edificación.
As casas do remo son unha evolución da casa do pincho. Teñen máis altura, o que se aproveita para engadirlle un piso superior que se usaba ás veces para durmir. A anchura da casa non é superior a un remo.
VIDEO: A pesca en Camariñas “Mar de saberes e sabores”