Edificada a mediados do s. XII, esta igrexa de Santa María de Xaviña sufriu importantes modificacións posteriores. A fachada e o campanario son do primeiro tercio do s.XX. A parte máis interesante é a ábsida, vestixio dun primitivo templo románico. Tamén posúe dúas espadanas que a converten nun referente único da arquitectura relixiosa de Galicia.
Construída con bloques graníticos, a planta é dunha soa nave con bóveda de canón, asimétrica, sendo máis estreita na zona do altar. Ten capiteis románicos con decoración vexetal e figurada. Conta cunha sancristía lateral cun campanario pertencente a outra construción. A fachada lisa ten unha ventá sobre a porta e un campanario con dous vans aos pés, ao que se accede por unhas escaleiras.
Dá unha volta de arredor do adro para apreciar todos estes elementos e atopar a segunda espadana!
A igrexa só se pode visitar en horario de misas, que pode atopar onda a porta da entrada.
VIDEO: Spot Camariñas “Na beira do mar”