Na parroquia de Xaviña atópase a praia máis concorrida de Camariñas. Ariño posúe unhas espectaculares vistas sobre a ría e está bordeada por un tranquilo piñeiral con mesas, bancadas e asadores. Tranquila e familiar, ten 1.160m de longo e 30m de ancho.
O Ariño é tamén unha zona de gran riqueza marisqueira que explota a Agrupación de Mariscadoras a Pé e a Flote da Confraría de Camariñas. O marisqueo a pé é unha das formas de extracción de produtos do mar máis antigas do mundo. É un traballo manual, sen ningún tipo de apoio mecánico, agás o uso de pequenos apeiros (sachos, rastros, angazos,…) para escarvar na area.
Nesta zona tamén se realiza a extracción a flote, é dicir, desde embarcación, en zonas de pouca profundidade. Trátase dunha produción artesanal e sostible. Dependendo das mareas, no Ariño vas ver traballando a máis de cen mariscadoras –só unha cuarta parte son homes-, collendo ameixa xapónica, babosa ou fina, e berberechos. No verán organizan rutas guiadas que podes reservar na Oficina de Información turística (T. 981 736 340).
¡Recorda! Esta é unha actividade profesional e coller o marisco está multado por lei.
Dende finais dos anos 60, cada 25 de xullo celébrase aquí a concorrida Festa da Praia. Durante todo o día hai música tradicional e comida campestre para homenaxear a a Santiago Apóstolo no día da Patria.
VIDEO: Ecoturismo en Camariñas “Mar de cores”
VIDEO: A pesca en Camariñas “Mar de saberes e sabores"