
A parroquia e o núcleo urbano da Ponte do Porto confórmanse na ribeira do río Grande. A desembocadura ábrese á ría de Camariñas, ofrecendo o esteiro unha paisaxe de excepcional beleza e unhas condicións adecuadas para o piragüismo e o kaiak de mar. Cunha lonxitude de 22 km, é tamén un importante couto pesqueiro.
A Ruta do Muíños é un sendeiro circular de 5,3 km (1h30, dificultade fácil) arredor da desembocadura que comeza e finaliza na Ponte do Porto. Parte do traxecto discorre pola calzada romana per loca marítima Camiño Real, que conectaba a igrexa románica de Cereixo e as Torres de Cereixo (s. XV, Ben de Interese Cultural privado) que vés do outro lado da canle, xa no municipio de Vimianzo, con Santiago de Compostela.
A ruta transcorre pola ribeira entre unha vizosa vexetación autóctona (acivros, fieitas reais,…), fauna (lavancos, garzas,…) e muíños de granito en activo ata 1960, coutos troiteiros, refuxios de pescadores e merendeiros. A importancia destes muíños vén porque, antigamente, o río Grande era o único que tiña auga no verán.
Os muíños cos que te vas atopar son o Muíño de Sofía, con tres rodas para moer e que chegou a electrificarse; ou o Muíño de Cota, con 4 moas e 2 cuartos. Suponse que este era un muíño de maquía, no que os propietarios cobraban polo seu uso –por quendas- a cambio dun imposto denominado “maquía”.
TOPOGUÍA: turismocamarinas.net/sites/default/files/folletos_topoguias/topoguia_muinos.pdf
VIDEO: Ecoturismo en Camariñas “Mar natural”