
Estas onda o antigo faro de cabo Vilán (1854).
A raíz de dous fatídicos naufraxios en punta do Boi, un deles o do Serpent (1890), os gobernos internacionais mandaron cartas de protesta ao español para sinalizar mellor esta costa. En 1893 creouse a Comisión de Faros que determinou que este “Faro vello” fose de 4ª orde, cunha luz fixa. Funcionaba con queroseno e non alcanzaba as 10 millas. Tanto o faro de Fisterra como o das illas Sisargas (1853), os primeiros da Costa da Morte, eran xa de 1ª orde (40 millas, 65 km).
A pesar destas melloras, a luz rebotaba nos farallóns e quedaba unha zona escura. Mandouse elevar 3 metros a torre e dinamitar as pedras. Non funcionou e a seguinte medida foi construír a torre octogonal que tes enfronte e que é o faro eléctrico máis antigo de España. Acendeuse por primeira vez o 15 de xaneiro de 1896.
Este foi e é un faro emblemático. Aquí chegaron a vivir 4 torreiros coas súas familias ás que se lle sumaban os fareiros en prácticas que, obrigatoriamente, pasaban por Vilán. Era unha escola de fareiros.
Fíxate! Ves as balizas de situación da ría na punta da Barca (Muxía), na praia de Lago e no Castelo do Soberano? E a ermida da Virxe do Monte?
Miles de barcos pasan cada día por esta autopista do mar. No pasado rexistráronse centos de naufraxios, gran parte deles documentados na web rutadelosnaufragios.com.
VIDEO: Faro Vilán “Luz do mar”