É no século XIII cando aparecen as primeiras referencias documentais da vila de Malpica, que naceu, medrou e se desenvolveu a carón do mar. Malpica pertencía ao señorío do arcebispado de Compostela, pero dous séculos despois pasou a formar parte dos dominios de Sancho de Ulloa, Conde de Monterrei.
Hai referencias da caza de baleas en Malpica a finais do século XVI e principios do XVII. O cardenal Jerónimo del Hoyo explicaba sobre o ano 1600: “Esta villa es el puerto de mar donde se pescan más ballenas de todos los de Galicia”: Aguerridos mariñeiros cántabros e vascos botábanse ao mar nos meses máis fríos do ano nas súas chalupas despois de pagar a taxa estipulada polo arcebispo de Compostela. Xunto con Malpica, Caión -municipio da Laracha, foi o outro porto baleeiro máis importante deste tramo da Costa da Morte.
Debido á súa importancia económica por mor da rendibilidade económica que xeraba a caza das baleas, a vila de Malpica tamén foi sede da Axudantía de Mariña ata o 1895, data na que se trasladaría a Ponteceso e posteriormente a Corme.
Xira á túa dereita para atoparte coa “Ruta Balcón das Sisargas” que percorre a fronte marítima desde a zona Caldeirón pasando pola praia de Area Maior ata a de Canido.