
A casa Cornide foi construída a mediados do século XVIII polo avogado Diego Cornide, pai do famoso polígrafo ilustrado José de Cornide Saavedra, que asesorou as reformas da Torre de Hércules.
É exemplo de mansión aristocrática urbana, de arquitectura impoñente e situada nun lugar destacado da cidade vella, xusto en fronte da Colexiata de Santa María . O edificio foi construído polo arquitecto municipal Antonio Fontenla e destaca o coidado deseño da fachada, de inspiración francesa, presidida polo escudo familiar dos Cornide.
Durante o século XIX o inmoble foi utilizado como casa consistorial e a inicios do século XX funcionou sucesivamente como local social do Centro Jaiminista e do Centro Cultural Santo Tomás de Aquino, utilizándose con frecuencia para proxeccións cinematográficas. En 1949 a casa foi comprada pola Dirección Xeral de Patrimonio co obxecto de convertela en conservatorio de música. Este proxecto nunca chegou a realizarse e en 1962 pasou a mans do concello da Coruña, mediante unha permuta con outras propiedades. Ese mesmo ano Pedro Barrié de la Maza adquiriu a casa en poxa pública por 305.000 pesetas e poucos días despois foi vendida á esposa de Franco, Carmen Polo por apenas 25.000 pesetas.