
A Praza da Fariña constitúe un dos principais espazos públicos da cidade vella. O seu nome débese a que neste lugar desenvolvíase tradicionalmente un dos mercados máis importantes, onde se realizaba a venda de gran. Tamén aquí realizábanse os festexos e eventos máis sinalados.
En 1896 cambiou a súa denominación pola de praza de Azcárraga, en homenaxe ao Ministro da Guerra que devolveu á Coruña a Capitanía Xeral. Ese mesmo mesmo ano, o arquitecto municipal Pedro Mariño, realizou unha reestruturación completa do espazo deseñando catro avenidas pavimentadas, que delimitan outros tantos parterres cubertos de vexetación diversa como pradairos, magnolios ou palmeiras.
Trátase dun recanto idóneo para o paseo e o recreo, en cuxo centro sitúase a fonte do Desexo, unha estrutura metálica fundida a finais do século XIX nos talleres Dumgem de París. Consta de catro canos e está coroada pola figura estilizada dunha muller sostendo un facho, que simboliza o desexo. Foi, durante moito tempo, un dos principais chafarices da cidade e abastecía de auga a veciños, acuartelamentos, hospitais e presidio. Aínda conserva os asentos metálicos para apoiar as sellas baixo os surtidores.