
A vivenda do Marqués de San Martín de Hombreiro é coñecida tamén como Casa Ozores, polo apelido da familia que durante xeracións habitou o inmoble e que estivo estreitamente vinculada coa Real Academia Galega de Belas Artes. Entre os seus ocupantes ilustres destacan nomes como o coronel de artillaría Jaime Ozores de Prado, presidente da Academia en 1901, ou o seu fillo o pintor Jaime Ozores Marquina.
O edificio foi construído a finais do século XVIII e o proxecto atribúese a un dos arquitectos máis destacados do momento, Melchor de Prado. A esta época pertence a fachada principal orientada á rúa do Parrote, moi sobria e con escasos elementos decorativos entre os que destacan as galerías do segundo piso que flanquean un balcón con reixa de forxa.
A parte dianteira contrasta de maneira radical coa magnífica fachada traseira, que mira á rúa Tabernas. Reformouse en 1910 polo arquitecto Juan de Ciórraga a encargo do propietario Jaime Ozores de Prado. O resultado foi o engadido dunha espectacular galería modernista onde se combinan de maneira efectista o vidro, a madeira e a forxa. O conxunto remátase cun faiado ornamentado cunha primorosa marquetería.