
No lado sur da maxestosa praza sitúase o monumento dedicado a un dos personaxes máis ilustres da historia coruñesa, a heroína María Pita. A obra, inaugurada o 15 de maio de 1998 para conmemorar os 410 anos do asalto do corsario Sir Francis Drake á cidade, foi realizada polo escultor José Castiñeiras Iglesias, inspirándose nun proxecto de 1890 nunca executado de José González e Giménez.
A escultura representa un dos momentos cumes da defensa da cidade, coa figura de María Pita sostendo ameazante a lanza coa que acaba de matar o alférez inglés, mentres suxeita o brazo dun soldado caído no combate. O grupo escultórico mide 3,30 metros de altura, está realizado en bronce e sitúase sobre un pedestal de pedra no que se aprecian catro relevos, tamén de bronce, ilustrando o relato do asedio inglés e a defensa das murallas da a cidade liderada por María Pita en maio do ano 1589. Aos pés do pedestal unha pira ardendo simboliza o mantemento da chama da liberdade.