Hai tres formas de chegar a Carnota, dúas de elas son bordeando a costa e outra accedendo desde o interior. Se se decide facelo por esta última, a entrada no municipio é grandiosa. No momento que empeza o descenso cara a Carnota a estampa da quilométrica Praia de Carnota cobra todo o protagonismo e aí nese mesmo lugar onde se abre camiño ao Atlántico, divisarase por primeira vez a praia máis longa de Galicia con máis de 7 km de area branca e fina. Non é casualidade a existencia dun miradoiro neste lugar. Os visitantes sentiron desde sempre a necesidade de facer unha parada para contemplar as vistas privilexiadas que ofrece este lugar e mesmo inmortalizar o momento. O miradoiro está acondicionado cun pequeno merendeiro, paneis informativos, unha sucesión de bancos en forma de U con vistas á Praia de Carnota e ademais conta cunha representación do artista carnotán “Nando Lestón” que recuperou árbores calcinadas durante o último incendio no Monte Pindo e deulles unha segunda oportunidade.
Desde o Miradoiro de Lira en días despexados poderás gozar dunhas espectaculares vistas panorámicas da parte sur da Costa da Morte. Poderás ver de maneira simultánea os Faros de Lariño e Fisterra. O Miradoiro está situado na parte alta do Monte de Lira aproveitando a orografía do terreo. Conta cunha área de descanso nas súas proximidades e unha representación de laxas verticais que inclúen réplicas de petroglifos, obra do canteiro “Xosé Cernadas”. A pesar de ser un dos miradoiros do Concello que ofrece unhas das mellores vistas aéreas, non é o máis visitado debido os estreitos accesos que conducen a el.