O territorio de Forcarei tamén é recoñecido pola súa tradicional gastronomía, tendo como festividade culinaria máis destacada a Festa da Richada, en homenaxe á carne richada, carne da pata dianteira da tenreira á tixola con aceite e allo. O nome ven do patrimonio culinario dos arrieiros que no século XIX facían a ruta entre O Ribeiro e Compostela. É o prato por excelencia da cociña de Forcarei.
A este prato únense como parte da cociña típica de Forcarei e da Terra de Montes, a galiña ao sal ou trufada, a caza e pesca, a carne ao caldeiro, o cocido, a croca e as filloas á pedra.