Tamén chamado “dos Frades” xa que se cre que a súa orixe se debe a San Gonzalo das Penas de Aciveiro (s. XV), abade do próximo mosteiro. Foi totalmente reformado supostamente no século XVIII, aínda que a súa boa cantaría pouco ten que ver coas pontes do século XVIII que coñecemos. Mantén rasante plana e bos pretiles e unha anchura de 2,5 metros. A súa lonxitude ascende até os 8 metros e 4 metros de alto. Ten un so arco rebaixado.
Servía para dar acceso aos veciños de Loureiro e Valiñas cara ao núcleo principal parroquial da Igrexa.
Moi preto desta ponte existen os restos dun castro que aínda nos mostra desde o aire as súas estruturas amuralladas intactas, aínda que “in situ” pouco poderemos ver.