O Mosteiro de Aciveiro é o monumento máis representativo de Forcarei e de Terra de Montes. O mosteiro construíuse sobre uns terreos ocupados por un gran bosque de acivros, do cal provén o topónimo Aciveiro.
Foi un mosteiro medieval cisterciense que vertebrou a vida económica e social da Terra de Montes desde a súa fundación, no século XII, até a exclaustración producida pola desamortización no século XIX (1842), ano no que tivo lugar a súa poxa pública.
Na actualidade a igrexa utilízase como igrexa parroquial e é un dos mellores exemplos do románico galego. O resto de dependencias monacais utilízanse como local de hostalaría tras a a súa restauración. Está considerado como Monumento Histórico Artístico dende 1931 e tamén ten a consideración de Ben de Interese Cultural.