Miradoiro dende o que se poden contemplar as impresionantes moles montañosas que conforman a Serra do Candán. Pódese observar a fervenza da Freixa, o val e aldea de Grobas, a pena de Malpaso, as minas de estaño ou o pico de San Bieito da Serra do Candán.
Fai case medio século que non vive unha alma en Grobas (Forcarei). No pasado a extracción de estaño e a venda de carbón de carballo fixeron de Grobas unha aldea próspera. Pero a luz e o asfalto nunca chegaron e a vida foise apagando nun pobo perdido en metade da Serra do Candán. A civilización estaba a cinco quilómetros monte arriba. En 1969 foise a última familia e a aldea quedou abandonada oficialmente.