Punto inicial da ruta e de entrada á zona de intervención de recuperación das neveiras.
Entre piñeirais descubrirás as Neveiras e, a poucos metros, á Mámoa de Rofete. Ambos os dous son bens etnográficos de grande interese arqueolóxico catalogados no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Outros dos lugares de interese que poderás visitar son o Muíño do Porto e as devesas.
A pesares da gran decadencia económica do século XVII, colle pulo nesta época un rechamante tráfico de xeo e neve en toda a Península Ibérica. Estes produtos secundarios abastecían principalmente aos núcleos urbanos, aínda que o seu consumo tamén se estendeu a vilas e outros lugares. O comercio de xeo e neve destinábase principalmente a tres usos; en primeiro termo, á conservación de alimentos; en segundo, ao arrefriamento de comidas e bebidas e á elaboración de xeados e sorbetes; e finalmente se lle reserva un uso terapéutico na medicina.